Fernando Rodríguez García

Cano

Fernando Cano naceu como Fernando Rodríguez García en Costoia (Silleda) o 19 de agosto de 1963, é un escultor e pintor galego. As súas obras, tanto pictóricas como escultóricas, están marcadas por un carácter minimalista mesturado coa longa tradición dos canteiros de Pontevedra. Así mesmo, tamén se aprecia a súa sensibilidade pola natureza, sobre todo polo seu entorno, a comarca de Deza, onde naceu e onde vive.

Estilo
As súas composicións son tridimensionais ou bidimensionais indistintamente, podendo ser as últimas consideradas como pinturas, case como a arte moble prehistórica. Todas as súas obras bidimensionais ilustran unha prolongación das calidades sabiamente expostas nas súas obras tridimensionais. O emprego dos mesmos materiais, mesmas referencias iconográficas, incluso mesma técnica de elaboración e tratamento da obra fan destas presenzas visuais verdadeiras esculturas nun plano vertical. As diferentes composicións delatan unha evidente herdanza natural, as vetas e as diferentes escisións –duras e severas- compoñen obras de carácter minimalista; liñas de tensión, asimetrías propias dun B. Newman, R. Mangold ou Peter Halling, xeometrizando e introducindo unha orde no devir erosionado da natureza. Unha traxectoria que tamén podemos detectar noutras tendencias máis relacionadas co procesual, cunha visión analítica, case nómadas do Land Art, con artistas como Penone e Anselmo ou vertentes máis tradicionais como Ulrico, Rückriem ou Fernando Casás.

Combina diferentes materiais pétreos, nunca a partes iguais: nalgunhas a pizarra supón máis do noventa por cento da superficie, noutras a cuarcita é a que máis sobresae. As dimensións varían, ao igual que o número de pezas; ás veces son dípticos, outras trípticos e en ocasións tan só un lenzo. Tamén é significativo que nunca aparezan soas nas exposicións, xa que sempre se presentan ó carón de esculturas de vulto redondo; esta é precisamente unha das intencións de Fernando, que o espectador entenda o seu traballo nun conxunto temático, xa que a natureza que a representa tamén forma un todo. Neste aspecto, temos que destacar a integración do espazo construído e do espazo natural; as creacións parten do natural e intégranse no mundo urbano.

Traxectoria
A formación académica de Fernando Rodríguez establécese na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago de Compostela, onde se graduou en Deseño e Artes Plásticas na especialidade de Volume. Á parte de como alumno, é importante a súa experiencia docente como mestre de pedra en Silleda, A Estrada e Vilagarcía de Arousa, unha experiencia que o leva a experimentar co material, xa que as ensinanzas aos seus alumnos convírteno nun aprendiz das novas técnicas artísticas. Comezou a súa actividade artística cunha exposición no Salón Principal do Mestre Mateo en 1993; de aquí salta a Vigo, Pontevedra e Lalín en 1996. En todas elas expuxo a súa obra escultórica, tanto de vulto redondo como a construída a xeito de panel bidimensional, pois nos noventa o mundo artístico vivía un momento de interdisciplinariedade, e isto influíu no artista.

En 1997 participa no certame Novos Valores de Pontevedra, en diferentes colectivas auspiciadas por Caixavigo, e no museo Ramón María Aller de Lalín, onde expón no 1999 e no 2001 e onde sobresae a súa obra máis plástica e minimalista. A atracción polas pedras plasmouse xa moito antes, pero é nestes anos cando o seu traballo adquire un carácter novo. Empregará cuarcitas, pizarras ou granito, ás veces en grandes dimensións e, noutros casos, en tamaños máis reducidos. Conceptualmente, son obras que transmiten a sensación do rural, obras nas que o artista rouba á natureza un anaco de significante, trasládao a unha habitación e alí entendemos que segue a significar o mesmo. Isto é o paradóxico da obra, incluso as pedras penduradas da parede non semellan irreais, senón que representan perfectamente o medio de onde saíron.

Fonte: Galipedia.

Fernando Cano

Nado en Silleda en 1963, Fernando Cano traza un camiño que parte da natureza para chegar á expresividade escultórica, por veces pictórica, da relación do home co seu medio.

A inxerencia do escultor na materia natural comeza na escolla intuitiva, na singularización das pedras, das cuarcitas, as pizarras, o granito, a miúdo recuperadas do refugallo das canteiras, das areeiras, para logo darlles relevancia, potenciar as fisuras que veñen dadas, as rupturas. En toda a obra de Fernando Cano subxace un respecto pola personalidade dos materiais e incluso da maneira en que estes se lle presentan ao escultor, rachados, erosionados, ou mesmo nas madeiras que ás veces usa, refugallo de fábrica, aspereza de aserradeiro. Os ollos de Fernando Cano subliñan a natureza para nos achegar a ela a forza, por veces, de descontextualizala e traer as súas pedras ao espazo urbano, ao espazo pechado. Mais todo parte do mundo rural no que naceu e vive, das gramáticas tradicionais de unión de pezas e palabras, de ideas e sentimentos. Os engalletados dos tellados de lousa, as pezas dunha ventá de cantería, a armazón de vigas e puntóns dun tellado, a cantería, a carpentaría, incluso a patronaxe da costureira están na obra de Fernando Cano. A xeometría e o equilibrio do encaixe de pezas, a procura e a loita entre as semellanza e a diferenza que ofrece o negativo e o positivo no espello. Símbolos plenos dunha constante humana, do ti e do eu, do eu e o resto do mundo. Símbolos escritos cunha linguaxe lineal, xeométrica, da textura coa que vén a materia e da textura que a man humana lle dá, da cor que ofrece directa e da cor que esconde e Fernando Cano revela.

A gramática da construción do obxecto útil asúmese para crear o obxecto simbólico, e así tres pedras terman de si coma para trazar un muro pero ao velas un é quen de atopar unha familia. Na construción vai tomando cada vez máis relevo o propio proceso, e nesa clave está a última produción de Fernando Cano: unha volta á natureza da que sempre partiu mais agora converténdoa nunha meta, nun territorio onde desenvolver todo o proceso artístico ata a comunicación co espectador, e alí constrúe como os paxaros os seus niños, e tece coma os cesteiros, e amontoa garabullos como o labrego que limpa a carballeira para quentarse no inverno, para falarnos caladiño das cousas que sempre foron e han ser.

Alex Ghalpon

Advertisements

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s